Estatutos

TÍTULO I

 

DA ASOCIACIÓN EN XERAL

 

Artigo 1º.-

A Sociedade “Centro Cultural e Recreativo” de Vilalba inscrita co nº 43 na Sección Provincial do Rexistro de Lugo de Asociacións, Libro 1, arq. 232, de 12/5/1983, rexerase pola vixente Lei Orgánica 1/2002 de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación e demais lexislación vixente en materia de Asociacións que lle sexa aplicable, dentro do marco da Constitución e do resto do ordenamento xurídico.

 

Artigo 2º.-

Son fins e actividades da Asociación :

a) A promoción e desenvolvemento de actividades culturais e educativas.

b) A organización e fomento de actividades e concursos deportivos, xogos e entretementos varios.

c) O fomento da relación con outras Sociedades análogas co fin do intercambio cultural, educativo e de lecer.

d) A Asociación non terá fins lucrativos nin está sometida a ningún réxime asociativo específico.

 

Artigo 3º.-

O domicilio radicará en Vilalba, sendo o seu enderezo o de: praza da Constitución s/n, 27800-Vilalba (Lugo)

 

Artigo 4º.-

A Sociedade desenvolverá as súas actividades no Concello de Vilalba e demais Concellos da bisbarra da Terra Cha, sen prexuízo de poder actuar na Provincia de Lugo, a súa duración será indefinida e solo disolverase, conforme a estes Estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral convocada ó efecto e por calquera das causas previstas nas leis así como por sentencia xudicial firme.

 

Artigo 5º.-

A Xunta Directiva, como órgano de representación da asociación, será competente para interpreta-los preceptos contidos nos Estatutos, someténdose en todo momento á normativa legal vixente en materia de Asociacións.

 

Os presentes Estatutos serán desenvolvidos e cumpridos mediante acordo que validamente adopten a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dentro das súas respectivas competencias.

 

 

TÍTULO II

 

DOS ÓRGANOS DIRECTIVOS E DA FORMA DE ADMINISTRACIÓN

 

Artigo 6º.-

A dirección e administración da Asociación serán exercidas polo Presidente, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

 

Artigo 7º.-

O Presidente da Asociación, que o será tamén da Xunta Directiva, asume a representación legal da mesma e executará os acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, presidindo as sesións que celebre unha e outra.

 

Artigo 8º.-

A Xunta Directiva é o órgano de representación que xestiona e representa os intereses da Asociación, de acordo coas disposicións e directivas da Asemblea Xeral.

Estará formada por un Presidente, un Vicepresidente, un Tesoureiro, un Secretario e alomenos catro vocais.

Solo poderán formar parte da Xunta Directiva aquelas persoas que ostenten a condición de asociados, que sexan maiores de idade, teñan o pleno uso dos dereitos civís e non estean incursos nos motivos de incompatibilidade establecidos na lexislación vixente.

 

Artigo 9º.-

Os cargos que compoñen a Xunta directiva elixiranse pola Asemblea Xeral, entre tódalas candidaturas que se presenten, resultando elixida de entre todas elas aquela que obteña máis votos, tras un previo proceso no que se fará a presentación de cada unha de elas e do seu programa de goberno pola persoa que as encabece. En todo caso nas candidaturas presentadas á Xunta Directiva deberán estar perfectamente determinados e distribuídos os distintos cargos da mesma entre os seus integrantes.

 

Os cargos da Xunta Directiva durarán un período de CATRO anos, aínda que poderán ser obxecto de reelección. No caso de vacante dalgún dos cargos e, en todo caso, non no previsto ó respecto nestes Estatutos, a Xunta Directiva poderá nomear provisionalmente á persoas que estime axeitada, ata a nova elección de cargos.

 

Os cargos da Xunta Directiva poderán causar baixa por expiración do mandato, por incumprimento das obrigas que teñen encomendadas ou por renuncia voluntaria comunicada por escrito á Xunta Directiva.

 

Os cargos da Xunta Directiva que esgotaran o prazo para o cal foron elixidos continuarán ostentando os seus cargos ata o momento no que se produza a aceptación daqueles asociados que os substitúan.

 

Artigo 10º.-

Os membros da Xunta Directiva NON percibirán retribución polo cargo desempeñado.

 

Artigo 11º.-

É función da Xunta Directiva, programar e dirixi-las actividades sociais e leva-la xestión administrativa e económica da Asociación, someter á aprobación da Asemblea Xeral o presuposto anual de gastos e ingresos, así como o estado de contas e a Memoria de actividades do ano anterior.

 

Artigo 12º.-

A Xunta Directiva celebrará as súas sesións cantas veces o determine o Presidente, a iniciativa propia ou a petición de polo menos tres dos seus compoñentes. Será presidida polo Presidente e, na súa ausencia polo Vicepresidente, e a falta de ámbolos dous, polo membro da Xunta Directiva que teña máis idade.

 

Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados por maioría de votos dos asistentes, sendo precisa polo menos a metade máis un dos seus membros, incluídos o Presidente e o Secretario, ou no seu defecto ou quen estatutariamente os substitúan. Das sesións o Secretario levantará acta, que se transcribirá no Libro de Actas.

 

Artigo 13º.-

Os membros da Xunta Directiva presidirán as Comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou demandar das mesmas as informacións necesarias. Formarán parte, ademais, das ditas Comisións o número de Vocais que acorde a Xunta Directiva, a proposta dos seus respectivos Presidentes.

 

Artigo 14.-

O Presidente da Xunta Directiva terá, ademais das facultades asignadas no artigo 7º, as seguintes atribucións:

a) Convocar e levantar as sesións que celebre a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dirixi-las deliberacións de unha e outra, decidindo co voto de calidade en caso de empate.

b)  Propoñe-lo plano de actividades da Asociación á Xunta Directiva, impulsando e dirixindo as súas tarefas.

c) Ordena-los pagamentos acordados validamente.

d) O Presidente estará asistido nas súas funcións polo Vicepresidente, que ademais o substituirá nos casos de vacante ou de enfermidade.

e) Velar polo cumprimento das disposición deste Estatuto.

f) Outorgar contratos en nome da Sociedade.

g) Resolve-las necesidades, cuestións ou conflictos que poidan xurdir en casos urxentes e imprevistos, cando non estean reunidas as Xuntas ás que corresponda a decisión, dándolles conta inmediata.

h) Convocar e presidi-la Comisión Delegada da Xunta Xeral.

 

Artigo 15º.-

Son funcións do Tesoureiro as seguintes:

a) Intervir tódolos actos de contabilidade da Sociedade.

b) Asinar, indistintamente co Presidente, tódolos libramentos que deba satisface-la Sociedade.

c) Estender, pola relación mensual que lle pase o Secretario, os recibos que deban satisface-los socios, para que no primeiro mes do ano se verifique a cobranza, así como os recibos de cotas de entrada dos que ingresen na Sociedade.

d) Asinar e autorizar co visto e prace do Presidente, as contas parciais dos festexos ou dos ingresos desta índole ou que por outro concepto calquera teña a Sociedade.

e) Presentarlle á Xunta Directiva, para que esta o faga á Xeral, tanto o proxecto do presuposto de gastos e ingresos para o ano seguinte, como outro calquera extraordinario que as necesidades da Sociedade esixisen e unha conta xeral que dea a coñecer detalladamente o movemento de fondos habidos durante o ano e o estado económico do Centro.

f) Leva-la contabilidade xeral da Sociedade segundo o sistema de contabilidade adoptado.

g) Redactar a principios de ano unha memoria acerca da situación económica da Sociedade e o balance do exercicio anterior que, aprobada pola Xunta Directiva, poida esta presentar coa memoria que redacte o Secretario á Xunta Xeral ordinaria e así mesmo, con oito días de antelación á data en que se teña lugar a Xunta Xeral confeccionará, para a súa exhibición durante este prazo no cadro de anuncios da Sociedade, un estado do ingresado e satisfeito por conceptos no último exercicio, procurando especificar tamén as débedas pendentes da Sociedade.

Asinar indistintamente co Presidente os talóns das cantidades que se extraian das contas correntes que existan nos establecementos de crédito que se designen pola Xunta Directiva para as operacións bancarias que precisen.

 

 

Artigo 16º.-

Correspóndenlle ó Secretario as seguintes funcións:

a) Velar polo cumprimento das disposicións legais c¡vixentes en materia de Asociacións.

b) Custodiar os documentos oficiais da entidade.

c) Expedir certificacións das actas e dos acordos tomados polos órganos de goberno e representación con visto e prace do Presidente.

d) Dar conta nas sesións dos asuntos que nelas deben tratarse pola orde que lle indique o Presidente.

e) Cursar á Delegación Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local as comunicacións sobre designación da Xunta Directiva, celebración de Asembleas Xerais e formalización do estado de contas e aprobación dos presupostos.

f) Recibir e tramitará as solicitudes de ingreso.

g) Levar o ficheiro e o Libro de Rexistro de Socios.

h) Ter o seu cargo a dirección dos traballos administrativos da entidade.

i)  Redactar a Memoria anual de actividades da Sociedade.

 

Artigo 17º.-

Cada un dos compoñentes da Xunta Directiva, terá os deberes propios do seu cargo así como:

a) A supervisión das actividades das Seccións constituídas na Sociedade, actuando en todos estes casos por delegación do Presidente da Sociedade, a quen corresponde en todo momento tal función.

b) Promove-la constitución de novas Seccións, cando valoren ser necesarias para o mellor desenvolvemento das actividades da Sociedade.

c) Informar á Xunta Directiva das propostas de constitución das Seccións que xurdan da iniciativa dos socios.

d) A substitución do Tesoureiro ou do Secretario por vacante do cargo, ausencia ou enfermidade, por designación da Xunta Directiva.

 

Artigo 18º.-

A Asemblea Xeral é o órganos supremo da Asociación, integrada polos asociados, que adopta os seus acordos polo principio maioritario ou de democracia interna, e que reunirase sempre que o acorde a Xunta Directiva, por propia iniciativa ou polo que acorde a décima parte dos seus asociados.

 

Obrigatoriamente a Asemblea Xeral deberá ser convocada en sesión ordinaria polo menos unha vez ó ano, para aproba-lo Plano Xeral de actuación da Asociación, censura-la xestión da Xunta Directiva, aprobar, no seu caso, os presupostos anuais de ingresos e gastos, o estado de contas e a Memoria de Actividades correspondentes ó ano anterior e cantas outras cuestións se sometan a votación no capítulo de rogos e preguntas.

 

Artigo 19º.-

A Asemblea Xeral convocarase pola Xunta Directiva, con carácter extraordinario, cando o esixan as disposicións vixentes, o acorden os membros da Xunta Directiva ou o solicite un número de asociados non inferior ó 10 por 100, e en todo caso para a modificación dos Estatutos, así como para elixi-los membros da Xunta Directiva, disposición ou alleamento de bens, disolución da Sociedade, expulsión de asociados a proposta da Xunta Directiva, aprobación do Regulamento de réxime interno da asociación e a solicitude da Declaración de Utilidade Pública. Tamén é da súa competencia a constitución de Federacións, Confederacións ou Unións ou a súa integración nelas.

 

Artigo 20º.-

As convocatorias das Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, serán feitas por escrito, expresando o lugar, data e hora da reunión, así como a orde do día. Entre a primeira convocatoria e o día da reunión deberán mediar polo menos dez días naturais; e a segunda convocatoria realizarase media hora máis tarde da primeira.

 

Así mesmo incluiranse na orde do día das convocatorias aqueles asuntos propostos por un número de asociados non inferior o 10 por 100, que as presentarán perante o Secretario da Xunta Directiva cunha antelación mínima de cinco días á celebración das sesións das Asembleas Xerais.

 

Artigo 21º.-

A convocatoria da Asemblea a Xeral extraordinaria de modificación de Estatutos da Asociación estará acompañada do texto coas modificacións propostas, abríndose un prazo de sete días para que calquera asociado poida dirixir ó Secretario as propostas e emendas que estime oportunas. Estas complementarán a documentación da citada Asemblea cunha antelación mínima de tres días á realización da mesma.

 

Artigo 22º.-

As Asembleas Xerais Ordinarias e extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria, cando concorran a elas, presentes ou representados, a metade máis un dos asociados, e en segunda convocatoria, cos socios asistentes ou representados.

 

Artigo 23º.-

Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen os negativos. Non obstante, requirirán maioría cualificada das dúas terceiras partes das persoas presentes ou representadas, os acordos relativos á disolución da Asociación, modificación dos Estatutos, disposición ou alleamento de bens.

          

Artigo 24º.-

A Xunta Directiva resérvase o dereito de decisión, sobre situacións non contempladas nestes Estatutos, sempre que non sexan incompatibles coas xa existentes e non estean en contradicción cos Lei vixente reguladora do dereito de asociación e demais disposicións regulamentarias que a desenvolvan.

 

 Artigo 25º.-

Os acordos que vaian contra estes Estatutos ou infrinxan os fins da Asociación poderán ser recorridos en reposición perante a Asemblea Xeral. A partir de resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdicción ordinaria.

 

Artigo 26º.-

A Asociación disporá dunha relación actualizada dos seus asociados, levará unha contabilidade que reflicta a imaxe fiel do patrimonio, do resultado e da situación financeira da Sociedade, así como as actividades realizadas, efectuará un inventario dos seus bens e recollerá nun Libro de Actas as reunións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.

 

 

TÍTULO III

 

DOS ASOCIACIADOS, DEREITOS E OBRIGAS

 

Artigo 27º.-

Poderán ser membros da Asociación, libre e voluntariamente, as persoas física e as persoas xurídicas, legalmente constituídas , que sexan estas públicas ou privadas, que dalgunha maneira teñan interese en servi-los fins da mesma e sexan admitidos pola Xunta Directiva.

 

A Xunta Directiva poderá outorga-los nomeamentos de Presidente Honorario ou de Socio de Mérito ás persoas que estime oportuno logo da aprobación pola Asemblea Xeral.

 

As persoas físicas deberán ter capacidade de obrar e non estarán suxeitas a ningunha condición legal para o exercicio do dereito. Os menores non emancipados de máis de catorce anos necesitarán o consentimento, documentalmente acreditado, das persoas que deban supli-la súa capacidade.

 

As persoas xurídicas de natureza asociativa requirirán, para formar parte da asociación, o acordo expreso do seu órgano competente e as de natureza institucional o acordo do seu órgano rector.

 

Artigo 28º.-

a) O título de Presidente Honorario e Socio de Mérito é unha distinción que a Sociedade concede a aquelas persoas físicas ou xurídicas que se fixeron acredoras a ela polos seus merecementos e traballos realizados a favor ou beneficio do Centro Cultural Recreativo.

b) Ó nomeamento terá que proceder a Xunta Xeral logo da proposta da Xunta Directiva.

Os títulos de Presidente Honorario e Socio de Mérito estenderanse nun Diploma que se lle entregará ó interesado, e figurarán tódolos distinguidos con este título nun Cadro de Honra que se colocará en lugar preferente da Sociedade.

 

Artigo 29º.-

Para ser socio do Centro é necesario:

a) Ter cumpridos 14 anos.

b) Solicitarllo á Xunta Directiva mediante escrito no que fará constar circunstancias persoais e familiares do peticionario e acompañándose a licencia expresa dos seus pais ou representante legal, se o solicitante non estivese emancipado.

A Xunta Directiva resolverá na primeira reunión que realice, admitir ou non o presunto socio, considerándose admitido se pasado un mes a partir da data de solicitude non lle fose comunicada ó interesado outra decisión.

Se a Xunta non accedese á súa petición, non poderá solicitalo novamente ata que transcorran dous anos. Cando por dúas veces lle fose denegado o ingreso na Sociedade, só a Xunta Xeral ten atribucións para acorda-la súa admisión.

Satisfacer no momento da súa admisión como socio, a cota de entrada de cento cincuenta euros, podendo fraccionarse o devandito pagamento a petición do interesado. A devandita cota non lles será esixible ós beneficiarios de socio que perdan tal carácter sempre que o socio teña acreditados dous anos de permanencia ou o fose no momento do seu falecemento.

 

Artigo 30º.-  

Considéranse BENEFICIARIOS, para os efectos soamente de asistencia ás diferentes actividades que organice a Sociedade e a usa-las instalacións e dependencias do local social, as persoas coas que o socio teña vinculacións familiares, e que se citen nos apartados seguintes:

a) O cónxuxe do socio.

b) Os fillos menores de 14 anos, coas limitacións que considere oportunas a Xunta Directiva.

c) Os fillos maiores de 14 anos que convivan co socio e ás súas expensas.

d) Outros familiares do socio ós que a Xunta Directiva conceda tal condición, en atención a circunstancias extraordinarias.

 

Artigo 31º.-

Ó falecemento do socio, o seu cónxuxe, se o desexa, terá os mesmos dereitos e obrigas daquel, conservando o mesmo número de socio, o que comunicará á Xunta Directiva no prazo de tres meses a contar do falecemento do titular.

 

Artigo 32º.-

Os asociados poderán solicita-la súa baixa na Asociación voluntariamente, en calquera tempo, pero isto non lle eximirá de satisface-las obrigas que teñan pendentes.

 

A Xunta Directiva poderá separar ou expulsar da Asociación a aqueles asociados que os fagan indignos de seguir pertencendo á mesma, así como adoptar calquera outra medida disciplinaria contra aqueles. A separación ou expulsión, así como calquera outra medida adoptada, será precedida dun expediente no que deberá ser oído o interesado, o cal será informado dos feitos que dean lugar a tales medidas, debendo ser motivado o acordo que, no seu caso, impoña sanción. Este acordo en todo caso deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral e contra a súa resolución poderá recorrerse perante a xurisdicción ordinaria.

 

Artigo 33º.-

Os asociados terán os seguintes dereitos:

a) Participar nas actividades que promova a Sociedade e nos actos sociais que organice para tódolos asociados.

b) Gozar de tódalas vantaxes que e beneficios que a Sociedade poda ter.

c) Asistir e exercita-lo dereito de voz e voto nas Asembleas Xerais. En todo caso cada asociado que sexa persoa xurídica terá dereito a un solo voto.

d) Ser nomeado membro da Xunta Directiva e da Comisión Delegada da Xunta Xeral.

e) Posuír exemplares destes Estatutos e ter coñecemento dos acordos adoptados polos órganos directivos.

f)  Ser informado sobre a composición da Xunta Directiva da Asociación.

g) Que se lle poña de manifesto o estado de contas e ingresos e gastos tódolos anos, así como o desenvolvemento das súas actividades.

h) Impugna-los acordos dos órganos da Asociación que estime contrarios á lei e os Estatutos.

 

Artigo 34º.-

Os asociados poderán ser sancionados pola Xunta Directiva por infrinxi-los presentes Estatutos, ou os acordos da Asemblea Xeral ou a Xunta Directiva. As sancións poden comprender dende a suspensión dos seus dereitos durante un mes, ata a separación definitiva da Asociación, nos mesmos termos que prevén o artigo 31º

 

Artigo 35º.-

Serán obrigas de tódolos asociados:

a) Aboa-la cota periódica fixada, dentro do primeiro trimestre de cada ano natural, así como derramas e outras contribucións que acorde a Asemblea Xeral.

b) Comparti-las finalidades da Asociación e colaborar para a consecución das mesmas.

c) Observar unha boa conducta individual e cívica.

d) Acata-los presentes Estatutos e os acordos validamente adoptados pola Asemblea Xeral.

e) Desempeñar fielmente as súas obrigas inherentes ó cargo que desempeñen.

f) Cumpri-lo resto das obrigas que resulten deste Estatutos.

 

 

TÍTULO IV

 

DO RÉXIME ECONÓMICO E DISOLUCIÓN DA SOCIEDADE

 

Artigo 36º.-

A Sociedade posúe un patrimonio consistente nun inmoble onde realiza as súas actividades co mobiliario propio para desenrolalas, e consta tal inmoble de: baixo, dous andares e un ático, e o seu presuposto anual é indeterminado ou, no seu caso, será o que se determine a principios de cada ano pola Asemblea Xeral.

 

Artigo 37º.-

A data de peche do exercicio económico será a de 31 de decembro do ano natural e as contas da Asociación serán aprobadas anualmente pola Asemblea Xeral, polo que deberán ser postas a disposición dos socios durante un prazo non inferior a 15 días ó sinalado para a celebración da referida Asemblea Xeral.

 

Artigo 38º.-

Os recursos económicos previstos para o desenvolvemento das actividades sociais serán as seguintes:

a) As cotas periódicas que acorde a Asemblea Xeral.

b) As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea.

c) Os productos dos bens e dereitos que lles correspondan, así como as subvencións, legados, doazóns que poda percibir de forma legal.

d) Os ingresos que obteña a Sociedade mediante o exercicio de actividades económicas lícitas que acorde realiza-la Xunta Directiva, incluídas as prestacións de servicios, deberán destinarse exclusivamente ó cumprimento dos seus fins estatutarios.

 

Artigo 39º.-

A administración dos fondos da Asociación, levarase a cabo, sometida á correspondente información e intervención e coa publicidade suficiente, a fin de que tódolos asociados podan ter coñecemento periodicamente do destino dos fondos, sen prexuízo do dereito consignado a este respecto no apartado g) do artigo 32º destes Estatutos.

 

Artigo 40º.-

a) A disolución da Sociedade requirirá acordo adoptado nunha Asemblea Xeral Extraordinaria á que serán convocados tódolos socios que poderán asistir con voz e voto. A citada Xunta será convocada cunha antelación mínima de vinte días á data da súa celebración e o acordo de disolución, no seu caso, requirirá unha maioría cualificada das dúas terceiras partes das persoas presentes ou representadas no momento da sesión.

b) No caso de que fose acordada a disolución da Sociedade, na mesma Xunta Extraordinaria designaranse nove socios que, en unión da Xunta Directiva existente no momento, formarán a Comisión Liquidadora, a cal estará presidida polo Presidente da Sociedade, a quen corresponde a representación legal da Comisión.

Dita Comisión Liquidadora encargarase de xestiona-los bens da Sociedade, así como da liquidación das súas débedas e obrigas. Se unha vez rematadas as operacións de liquidación quedara algún remanente así como bens mobles ou inmobles, dito haber será posto a disposición do Excmo. Concello de Vilalba coa finalidade de que, previa aceptación do Pleno da Corporación pase a integra-lo Patrimonio Municipal, ca obriga de ser destinado, en todo caso, a fins culturais, educativos ou asistenciais ou, no seu defecto, a calquera outros fins sempre que estean vencellados a intereses públicos e colectivos dos cidadáns do Concello de Vilalba.

 

Así mesmo, no caso de insolvencia da Asociación, a Xunta Directiva, ou se é o caso, os liquidadores nomeados pola Asemblea Xeral, promoverán de inmediato o oportuno procedemento concursar perante o xuíz competente.

 

 

TÍTULO V

 

CAPÍTULO ÚNICO: DISPOSICIÓNS XERAIS

 

Artigo 41º.-

A Sociedade permanecerá aberta diariamente nas horas que acorde a Xunta Directiva co referendo da Asemblea Xeral, pero acomodándose en todo caso ás disposicións legais en vigor.

 

Artigo 42º.-

O servicio de bar funcionará habitualmente as mesmas horas que a Sociedade ten estipulado para o uso e gozo dos socios.

 

Artigo 43º.-

A Sociedade non poderá arrendar por ningún concepto os salóns do seu edificio social, pero si algúns dos servicios e explotación da cafetería, se o considerase conveniente a Xunta Directiva, logo da ratificación pola Asemblea Xeral.

 

 

DISPOSICIÓN FINAL

 

Única- Os presentes Estatutos entrará en vigor tan pronto sexa aprobado pola Autoridade Gobernativa quedando derrogados o anteriores.

 

 

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

 

Primeira.- Os dereitos de socio do Centro Cultural Recreativo recoñécense a ámbolos dous cónxuxes, como unha soa titularidade e aboamento polo tanto dunha soa cota, e como consecuencia ó cónxuxe viúvo/a que terá os mesmos dereitos aboando a mesma cota.

En caso de separación, rexerán as mesmas condicións ca para o matrimonio. No suposto de divorcio a condición de socio corresponderalle unicamente a aquel dos cónxuxes que veña exercendo a titularidade, sen prexuízo do cambio que poida efectuarse a petición deles, debendo, polo tanto, o outro cónxuxe aboar cota independente.

Con respecto ós beneficiarios rexerán iguais condicións que as determinadas con carácter xeral nestes Estatutos.

 

Segunda.- A representación nas Xuntas Xerais recaerá no socio titular ou no seu cónxuxe, indistintamente, tendo unicamente un deles o dereito de voto.

 

 

DILIXENCIA

 

Pola que se fai constar que os presentes Estatutos quedaron redactados, e aprobados pola Asemblea Xeral celebrada o día 12 de abril de 2004, aceptando a mesma as modificacións para a súa adaptación a Lei Orgánica 1/2002 de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación e demais lexislación vixente en materia de Asociacións que lle sexa aplicable, dentro do marco da Constitución e do resto do ordenamento xurídico, na forma que se remiten para a súa aprobación pola Delegación Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

 

O que eu, Secretario firmo co visto e prace do Presidente, os efectos oportunos, en Vilalba a doce de abril de dous mil catro.

 

 

Vº e Prace                                                 

 

O Presidente                             O Secretario

 

 

 

Asdo.: Rogelio Mato Mosquera        Asdo.: Juan Manuel Cancio Moreda

Descarga

ESTATUTOS.pdf
Documento Adobe Acrobat [117.5 KB]